O vindeiro sábado 12, dende ás 18:45 h, o Miño recibirá ao Balonmán Chapela ca intención de recuperar a xeira positiva que se viu truncada no partido da semana precendente.
Os ourensáns, que xa gañaron no partido de ida, no que foi a primeira vitoria do Miño na Liga, esperan recuperar efectivos que lle permitan voltar ao bo nivel de xogo amosado en semanas anteriores que permitan que os dous puntos se queden na cidade das Burgas.
O Balonmán Miño tardou 20 minutos en entrar no partido disputado o pasado sábado no Pavillón Universitario. Moi desacertados, tanto en ataque coma en defensa, propiciaban que os das aforas de Vigo collesen vantaxe no electrónico ata o 5-10 no primeiro terzo de encontro.
Tras un tempo morto, os ourensáns entoáronse e endosaron un 7-1 de parcial nos últimos dez minutos do primeiro acto, chegando ao descanso cunha vantaxe de 12-11.
No arranque tras a volta de vestiarios, os ourensáns despegáronse no marcador, grazas a unha moi boa defensa e un ataque moi ordenado, que lograba goles doados que facían que a vantaxe subise pouco a pouco. Nos últimos minutos, os de Redondela maquillaron o resultado até o 29-25 final que fai que os ourensáns se acheguen ás prazas de honra da categoría.